


Conferencia sobre Castelao en Bilbao: un galego quimicamente puro, amigo dos vascos e persoeiro universal
No marco do Ano Castelao 2025, polo 75 aniversario do falecemento do persoeiro, a Casa de Galicia de Bilbao organizou unha actividade cultural dedicada á figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, un dos grandes símbolos da identidade e do pensamento galego contemporáneo.
O encontro ten lugar o sábado 29 de novembro de 2025 ás 12:00 horas no Centro Cívico La Bolsa (rúa Pelota, 10, Bilbao) e contará coa participación do profesor Xosé Estévez, quen ofreceu a conferencia titulada “Castelao: galego quimicamente puro, amigo dos vascos e persoeiro universal”.


A iniciativa enmárcase, ademais, no programa 2025-2026 de reactivación da Asociación Casa de Galicia de Bilbao e, como non, cómpre adicarlle unha xornada a Castelao para conmemorar o legado deste creador poliédrico: artista, escritor, político, pensador e humanista, que fixo da súa vida un exercicio constante de compromiso coa cultura, coa liberdade e co pobo galego.
Castelao non foi só un debuxante de talento excepcional ou o autor de obras fundamentais como Sempre en Galiza; foi tamén un defensor da dignidade, da solidariedade e da fraternidade entre pobos. A súa relación co País Vasco, tal e como lembra o profesor Estévez, é unha mostra desa visión aberta e universal, na que o galeguismo dialoga con outros movementos culturais e políticos para construír un futuro común.
Durante a charla, repasáronse os vínculos históricos entre Galicia e Euskadi, así como a pegada que Castelao deixou nestas terras, que el mesmo visitou no ano 1933 a Casa de Galicia de Bilbao para participar en actos culturais e compartir o seu pensamento.
O profesor Xosé Estévez, doutor en Historia e profesor da Universidade ata a súa xubilación, leva décadas investigando as relacións entre Galicia e Euskadi e o legado político e moral de Castelao. A súa traxectoria académica e o seu profundo coñecemento fan del unha voz de referencia para comprender a dimensión universal do ilustre rianxeiro.
Con esta actividade, a Casa de Galicia de Bilbao quere render homenaxe a Castelao e, ao mesmo tempo, ofrecer un espazo de encontro e reflexión sobre o valor da cultura galega e o diálogo entre pobos.












