Presentación
Fundada en 1926, a Casa de Galicia de Bilbao converteuse nun fogar para a comunidade galega en Euskadi, promovendo a cultura, a convivencia e a unión entre xeracións. Ao longo da súa historia, a entidade atravesou distintas etapas —de fundación, consolidación, crise, recuperación e reactivación— que marcaron a súa evolución e reflicten o esforzo colectivo por manter viva a identidade galega lonxe da terra. Cen anos despois, a Casa de Galicia de Bilbao segue a ser símbolo de pertenza, irmandade e compromiso coa galeguidade.
Primeira etapa: Fundación da Casa de Galicia de Bilbao (1926).
O 5 de maio de 1926 celebrouse unha xuntanza dun grupo de galegos na cafetería La Terraza, situada na rúa Hurtado de Amézaga, esquina con Zabalburu, en Bilbao. Daquela reunión xurdiu a iniciativa de constituír unha sociedade que levaría o nome de Casa de Galicia en Bilbao, coa vontade de crear un espazo representativo da identidade galega.
Nesa mesma xuntanza nomeouse unha comisión xestora, formada por seis membros, encargada de redactar os estatutos fundacionais, e acordouse convocar a todos os galegos residentes en Bilbao a unha Xunta Xeral.
O 13 de xuño de 1926 celebrouse a Xunta Xeral nos locais de La Terraza, na que se aprobaron os estatutos e se nomeou a primeira Xunta Directiva, chamada a rexer os destinos da nova sociedade. Esta Xunta estivo presidida polo doutor Cesáreo Rei Baltar e marcou como primeiro obxectivo a adquisición duns locais propios para establecer a sede social. Mentres tanto, e de xeito provisional, La Terraza mantívose como sede da Casa de Galicia.
Presidente fundador
O presidente fundador da Casa de Galicia de Bilbao foi o Dr. D. Cesáreo Rey Baltar, nado en Padrón en 1890. Foi un destacado médico, cunha brillante traxectoria profesional en Bilbao, onde exerceu como xefe do Servizo de Xinecoloxía do Hospital de Basurto, catedrático universitario e director técnico da Clínica Euskalduna, deixando unha pegada fundamental como galego ilustre comprometido con Galicia e coa comunidade galega no exterior.
Xunta directiva fundacional
- Presidente: Cesáreo Rey Baltar
- Vicepresidente primeiro: Xosé María Fariña
- Vicepresidente segundo: Rufino Silván
- Secretario: Antón Díaz Cabo
- Tesoureiro: Manuel Fontán
- Vogais:
- Benxamín Belón
- Lois Martínez
- Xosé Vela
- Bernardino Freijoo
- Jesús Fuentes
- Xosé G. Oubiña
Primeira sede propia e primeira Asemblea (1928)
O 4 de xaneiro de 1928, a Casa de Galicia adquiriu en réxime de aluguer o chalet número 5 da rúa Ercilla, pola cantidade de 425 pesetas mensuais, converténdose así na primeira sede propia da entidade.
O 3 de xuño dese mesmo ano celebrouse nos novos locais a primeira Xunta Xeral da Casa de Galicia, un feito significativo na consolidación da sociedade e na súa vida institucional.

FOTO DE 1933 con Castelao na Casa de Galicia de Bilbao. Castelao estivo en Bilbao o 2 de abril de 1933 convidado por Acción Nacionalista Vasca para participar nun gran mitin no frontón Euskalduna.
Tras o acto político, viaxou a Gernika, onde asinou o Pacto de Gernika, antecedente do Galeuzca, xunto con representantes vascos e cataláns.
A xornada rematou cunha cea íntima na Casa de Galicia de Bilbao, como símbolo de confraternización entre pobos.
Alí deixou testemuño escrito no Libro de Ouro, salientando a fraternidade galega, vasca e catalá e a defensa dunha Iberia plural.




Guerra, clausura e reorganización provisional (1937)
O 26 de setembro de 1937, tras a toma de Bilbao polas tropas rebeldes do xeneral Franco, os locais da Casa de Galicia foron pechados e a entidade quedou practicamente desartellada, interrompéndose a súa actividade social e cultural. Nesa mesma data, e coa intención de garantir a súa continuidade, adquiriuse en réxime de aluguer un novo local situado na Praza Nova e nomeouse unha Xunta Directiva provisional.
Lonxe de desaparecer, a Casa de Galicia iniciou así unha etapa de resistencia e reorganización en condicións extremadamente adversas. O 24 de outubro de 1937, o presidente en funcións realizou diversas xestións para obter o permiso de apertura dos novos locais, ao tempo que se puxo en marcha unha campaña de publicidade destinada a informar aos galegos de Bilbao da reanudación das actividades da sociedade.
Incautación e nova interrupción da actividade (1937)
O 6 de xaneiro de 1938, coincidindo coa celebración das festas de Reis, os novos locais da Praza Nova foron novamente pechados por orde do secretario da Xunta de Incautación, ao declararse o local como propiedade do Estado español. Esta incautación supuxo a perda oficial da sede da entidade, aínda que non conseguiu apagar o sentimento de pertenza nin o espírito asociativo da colectividade galega en Bilbao. Incautación do local (1938).
Novo local na rúa Jardines e recuperación progresiva (1938- 1939)
O 30 de outubro de 1938, a Casa de Galicia conseguiu alugar un novo local na rúa Jardines, polo prezo de 200 pesetas mensuais. Nese espazo celebrouse a primeira Xunta Directiva, marcando o inicio dunha etapa de recuperación e estabilidade tras os anos máis duros da guerra.
A primeira Xunta Xeral celebrada nos locais da rúa Jardines tivo lugar o 29 de xaneiro de 1939, coa asistencia de 32 socios, un feito que simbolizou a consolidación da continuidade da Casa de Galicia e a vontade firme da comunidade galega de manter viva a súa entidade en Bilbao.

Segunda etapa 1950–1988: Actualización, adecuación e consolidación.
Durante esta etapa destacou a presidencia D. Magín Murias Ferruelo, que desempeñou o cargo durante catorce anos. O seu mandato viuse interrompido polas inundacións de Bilbao, que afectaron gravemente á actividade da Casa. En recoñecemento á súa dedicación e á xestión realizada ao fronte da entidade, foille concedida a distinción de Presidente de Honra.
25º Aniversario (1951)
Con motivo do 25º aniversario da Casa de Galicia, no ano 1951, a entidade contou coa seguinte Xunta Directiva:
Xunta Directiva:
- Presidente: Manuel Álvarez Vázquez
- Vicepresidente: Xesús Rubianes Silva
- Secretario: Manuel Gómez Pérez
- Tesoureiro: Constantino Méndez Besteiro
- Contador: Claudio Fernández Pérez
- Vogais:
- Enrique Maseda Alonso
- Antón Rico López
- Manuel Vázquez Iglesias
- Miguel Iglesias Pinedo
Etapa de crecemento e consolidación (1953–1979)
Entre 1953 e 1979, a Casa de Galicia vive unha etapa de crecemento e consolidación. Amplíanse as instalacións, multiplícanse as actividades culturais e festivas, e a entidade convértese nun referente social para a comunidade galega en Bilbao.
En 1953, tras acometer importantes reformas no local da rúa Jardines, a Casa de Galicia experimenta un gran crecemento, pasando de 200 a 700 socios.





Compra do primeiro piso (1956)
En 1956, a Casa de Galicia dá un paso decisivo: compra en propiedade o primeiro piso do nº 7 da rúa Jardines. Este logro marca o comezo dunha etapa de estabilidade e converte o edificio no verdadeiro fogar da comunidade galega en Bilbao.
Compra do segundo piso (1967)
En 1967, a Casa de Galicia continúa o seu crecemento coa compra do segundo piso do nº 7 da rúa Jardines. Esta ampliación permite aumentar o espazo dispoñible e reforzar a actividade cultural e social da comunidade galega en Bilbao.
Instalación do bingo e impulso económico (1979)
En 1979, a Casa de Galicia adquire o baixo do nº 5 da rúa Jardines para instalar nel o bingo, que ata ese momento funcionaba no primeiro piso do nº 7. Esta nova adquisición supón un impulso económico e un punto de encontro social para os socios.
Inundacións e crise económica (1983–1985)
Entre 1983 e 1985, tras as devastadoras inundacións que provocaron a perda do bingo e unha forte crise económica, a Casa de Galicia logra recuperarse grazas ao esforzo e á solidariedade dos seus socios. A entidade racha co desánimo e inicia unha etapa de reactivación e esperanza.
En agosto de 1983, as graves inundacións que afectan Bilbao destrúen o bingo da Casa de Galicia, a súa principal fonte de ingresos. A entidade enfróntase entón a unha dura crise económica que pon en perigo a súa continuidade.
1984: Un momento crítico que marcou o futuro da Casa de Galicia, xa que remata unha etapa e comeza outra.
En outubro de 1984, a Casa de Galicia de Bilbao atravesou un dos momentos máis difíciles da súa historia, chegando a estar á beira do peche definitivo. Nunha asemblea marcada pola preocupación e a incerteza, púxose de manifesto unha situación económica límite: a entidade contaba cun patrimonio valorado en 40 millóns de pesetas, mais acumulaba unha débeda de 39,5 millóns e apenas 298 socios activos. A viabilidade da Casa estaba seriamente comprometida e o risco de desaparición era real e inmediato.
Porén, fronte a esta crise sen precedentes, a vontade de continuidade, o compromiso coa colectividade galega e o traballo incansable da seguinte xunta directiva foron determinantes para reverter a situación. Grazas á súa xestión responsable, ao esforzo persoal dos seus membros e a decisións valentes tomadas nun contexto extremadamente adverso, a Casa de Galicia non só conseguiu saír adiante, senón que sentou as bases para a súa recuperación e fortalecemento nos anos seguintes.
Terceira etapa 1984–1999: Rexurdimento e esplendor da Casa de Galicia.
Durante a etapa de rexurdimento e esplendor da Casa de Galicia de Bilbao, a entidade estivo presidida por D. José Manuel Casal Barbeyto, quen se converteu no presidente que máis tempo mantivo o cargo, exercéndoo durante quince anos. O seu liderado resultou determinante para a recuperación, modernización e proxección exterior da institución. Ao longo deste período recibiu importantes recoñecementos, entre eles a Medalla de Ouro e Brillantes da Casa de Galicia, e desempeñou cargos de grande relevancia no ámbito da galeguidade, como presidente fundador da Irmandade de Centros Galegos de Euskadi, secretario xeral da Federación Mundial de Sociedades Galegas e membro da Comisión Permanente do Consello de Comunidades Galegas da Xunta de Galicia. En recoñecemento á súa traxectoria e compromiso co asociacionismo galego, foi distinguido coa Anduriña de Ouro da Irmandade e co Premio UTOPÍA da Deputación Foral de Bizkaia.
Ademáis, nesta brillante etapa hai que destacar que contaba cun equipo no que moitos dos seus membros ocupaban cargos vinculados á banca, á tesourería, ao concello, á notaría ou a Facenda, o que lles permitía un profundo coñecemento da xestión económica e administrativa. Déronse así as circunstancias idóneas para un funcionamento sólido, cunha gran capacidade para manexar contas, subvencións e relacións institucionais.
Directiva da Casa de Galicia de Bilbao (1984)
Tras a crise de 1984, cómpre destacar a labor da xunta directiva que fixo posible a continuidade da Casa de Galicia de Bilbao, evitando o seu peche e mantendo viva a entidade. Aquel equipo estivo formado polas seguintes persoas:
Xunta directiva:
- Presidente: José Manuel Casal Barbeyto
- Vicepresidente: Samuel Fernández Peláez
- Secretario: José D. Aspilche Cortón
- Vicesecretario: José Rodríguez Sánchez
- Tesoureiro: José González Rodríguez
- Vicetesoureiro: David Díaz López
- Contador: Francisco Carballo Fontales
- Vicecontador: Olegario Veiga Carral
- Vogais:
- Delmiro Novoa Vázquez
- Manuel Suárez Borrajeros
- Marcial Díaz López
- José Asorey Gil
- José R. Fernández Carballo
- Francisco R. Amado Herbella
- Ceferino Pérez Pérez
Comisión de Festexos:
- José D. Aspilche Cortón
- José González Rodríguez
- Ceferino Pérez Pérez
- José R. Fernández Carballo
- Guillermo Vázquez Parada
- Delmiro Novoa Vázquez
- José Rodríguez Sánchez
- Francisco Carballo Fontales
FOTOS DE DIFERENTES XUNTAS DIRECTIVAS DESTA TERCEIRA ETAPA











As publicacións da Casa de Galicia de Bilbao
A actividade cultural e social da Casa de Galicia de Bilbao quedou amplamente reflectida, ao longo das décadas, a través de diversas publicacións propias, que serviron como canle de comunicación, memoria colectiva e expresión da identidade galega en Euskadi. Entre elas destacan O Curruncho e O Currunchiño, dúas iniciativas editoriais complementarias que documentaron tanto a vida interna da entidade como a súa proxección cultural exterior.
O Curruncho e O Currunchiño (1988)
REVISTA PEQUENA: En 1988 nace O Curruncho. Nos seus inicios, a publicación da Casa de Galicia de Bilbao foi sempre un voceiro pequeno, artesanal e de formato sinxelo, escrito a máquina e repartido entre os socios e socias. Este boletín chamouse primeiro O Curruncho e, máis adiante, mantendo exactamente o mesmo formato e a mesma filosofía, pasou a chamarse O Currunchiño, simplemente porque se considerou un nome máis axeitado, próximo e cariñoso, sen que isto supuxese ningún cambio de formato nin de función. Cando a economía da sociedade mellorou, fixeron a revista máis grande, a cor, encadernada e impresa en imprenta.






REVISTA GRANDE: Co paso do tempo, cando a situación económica da Casa de Galicia de Bilbao mellorou, o boletín deu tamén un pequeno salto de calidade: pasou a editarse en tamaño folio, impreso en imprenta, cunha maquetación máis coidada e a cor, mantendo sempre o seu espírito de comunicación próxima coa comunidade galega.






Revistas ocasionais e edicións especiais
Ademais deste voceiro habitual, nalgúns anos editáronse tamén revistas ocasionais con motivo das festas, de carácter anual, nas que se recollían contidos máis amplos. Nalgunhas destas publicacións figura tamén o nome O Curruncho na portada, pero non se trataba dunha revista distinta, senón dunha edición especial da publicación de sempre, vinculada ás celebracións da Casa.



Outras publicacións: Noso Afán, Cultura e Follas Novas
De forma puntual e anecdótica existiron tamén outras publicacións que, aínda que menos coñecidas, formaron parte do patrimonio editorial da Casa de Galicia de Bilbao, como Noso Afán (1977), Cultura (1981) e Follas Novas (1989). Follas Novas foi unha pequena publicación elaborada por un grupo de mozos e mozas da Casa de Galicia de Bilbao a finais dos anos 80, pertencentes ao grupo xuvenil Breogán. Foi unha iniciativa creativa sen continuidade, que reflicte a participación da mocidade na vida da Casa naquel momento. Todas elas comparten unha mesma esencia: preservar, difundir e manter viva a lingua, a cultura e a identidade galega lonxe da terra de orixe.



Reapertura do bingo e recuperación económica (1985)
En maio de 1985, a Casa de Galicia reabre o bingo, despois das inundacións, o que marca o inicio dunha nova etapa de despegue e recuperación económica. A entidade volve coller forza e estabilidade grazas ao esforzo colectivo.
Neses anos o bingo consolidouse como principal fonte de ingresos: en 1992 chegou a acadar arredor de 1.000 millóns de pesetas de recadación bruta e en 1993 seguía entre os primeiros bingos de Bizkaia, permitindo sanear as contas, superar os 1.000 socios e financiar unha programación cultural, social e deportiva descomunal.
Outras fontes de ingresos da asociación foron a explotación gandeira e os alugueres dos dous restaurantes: o da sede social en Zabalburu e o Lar de Arraiz.




Na Xunta Xeral Ordinaria, celebrada o pasado 21 de febreiro de 1988, acordouse nomear a seguinte Xunta Directiva:
Presidente: José Manuel Casal Barbeyto
Vice-presidente 1º: José Domingo Aspilche Corton
Vice-presidente 2º: José Carlos Braña Tobío
Secretario: Florentino Peón Gamallo
Vice-secretario: Ana María Pérez Barrio
Contador: Ceferino Pérez Pérez
Vice-contador: Francisco Carballo Fontales
Tesoreiro: José González Rodríguez
Vice-tesoreiro: José Ricardo Fernández Carballo
Vocal 1º: José Manuel Suárez Borrajero
Vocal 2º: Delmiro Novoa Vázquez
Vocal 3º: Ricardo Pardo González
Vocal 4º: Francisco R. Amado Herbella
Vocal 5º: Manuel Gulias Otero
Vocal 6º: Mª del Carmen Pardo González
Vocal 7º: Joaquín Rodríguez Estévez
Vocal 8º: Mª de los Ángeles Bermúdez López
Directivo perpetuo: Guillermo Vázquez Parada
Comisións
Presidente: José Manuel Casal Barbeyto
Bingo: José Domingo Aspilche Corton
Relacións Públicas e Cultura: José Carlos Braña Tobío
Secretaría: Florentino Peón Gamallo
Contaduría e Festexos: Ana Mª Pérez Barrio
Bibliotecario: Ceferino Pérez Pérez
Finanzas: Ricardo Pardo González
Fútbol, Centros Rexionais, Hermandades: José González Rodríguez
Publicidade e Difusión: Francisco R. Amado Herbella
Servizo de Mantemento: Manuel Gulias Otero
Servizo de Orde: José González Rodríguez
Grupo de Danza: José Manuel Suárez Borrajero
Grupo de Cuerda e Vídeo: Joaquín Rodríguez Estévez
Grupo de Teatro: José R. Fernández Carballo
Coro e Comparsa: Mª Ángeles Bermúdez López
Delmiro Novoa Vázquez
Compra da sede actual (1988)
En 1989, a Casa de Galicia de Bilbao dá un dos pasos máis importantes da súa traxectoria recente. Deciden mercar un novo local social, que dea acollida aos 500 socios que para entón tiña a Sociedade chegaron a ter cerca de 900. Realizaron a compra do seu local actual na rúa Pablo Picasso, 4, un edificio moi moderno de arredor de 1.600 m², con restaurante, cafetería, cociña, salón de xogos, salas de TV e de estar, biblioteca, aula de estudos, salón de baile, sala de exposicións, sala de xuntas, oficinas, vestiarios e gardarroupa. A inauguración oficial fíxose en maio de 1989, na semana das Letras Galegas, nunha cirimonia na que dona María, a viúda do presidente fundador, Dr. Cesáreo Rey Baltar, cortou a cinta, acompañada polo entón alcalde de Bilbao.
























O Lar de Arraiz: “xoia da coroa” (1990)
En maio de 1990, a Casa acomete o ambicioso proxecto de adquirir terreos no monte Arraiz e arranxar o Lar de Arraiz, que será o restaurante da Casa de Galicia e se converte na súa “xoia da coroa”. Ademais acondiciónase o caserío (txoko na planta baixa e salón social na alta), instálase un cruceiro galego, levántase un hórreo e unha espectacular réplica da Casa de Xuntas de Gernika, arránxanse terrazas, comedor, tellado e parking, constrúese a corte para as vacas e móvense toneladas de terra e pedra coa colaboración de mozos canteiros de Poio. Alí celébranse romarías, Festas de San Xoán, certames de gaitas, xantares populares, acampadas xuvenís, festas da terceira idade, exhibicións, concertos, bailes, comidas multitudinarias e ata encerro de vaquillas un ano polo San Xoán.
FOTOS ANTIGAS
















Actividade campestre e romarías no Lar de Arraiz
As actividades campestres no Lar de Arraiz eran unha parte esencial da vida social da Casa de Galicia, recuperando o espírito das romarías galegas ao aire libre. Alí organizábanse concursos, exhibicións e xogos tradicionais, que reunían familias enteiras e fomentaban a convivencia interxeracional. Estas actividades combinaban diversión, cultura popular e identidade galega, converténdose nun dos momentos máis agardados do calendario anual da Casa.








Foron anos incribles para a asociación: tiñan o gran local de Zabalburu; a isto súmase o salón de bingo e os terreos no monte Arraiz, uns 130.000 m² con caseríos e gando, configurando unha infraestrutura impresionante para unha entidade da diáspora galega.
Grupo folk Xolda (1988)
En 1988 a Casa de Galicia aposta polo grupo “Xolda”, folk galego, que chega a gravar dous traballos discográficos.
Converteuse nun dos conxuntos musicais máis destacados da diáspora galega. Formado por mozos procedentes doutras agrupacións da Casa, destacou pola calidade dos seus arranxos e pola forza interpretativa coa que revitalizou a música tradicional galega. En apenas dous anos gravaron dous discos: a casete “Escolma” (1993), unha selección de temas tradicionais, e o LP “Xolda”, editado por Fonomusic, que incluía pezas emblemáticas como Voo 512 Santiago–Dublín, Hector the Hero ou Baila Manueliño. Actuaron en numerosos escenarios, desde festas galegas e centros culturais de cidades como Miranda de Ebro ou Valladolid ata platós da ETB e da TVG, incluíndo o programa Luar, converténdose nun orgullo para a Casa e nun referente musical único polos seus logros e proxección.
Aquí podedes escoitar un disco ao completo:




A Coral da Casa de Galicia de Bilbao
Anos 30: A Casa de Galicia de Bilbao contou xa cun coro propio, o que amosa que desde os seus primeiros anos a música coral formaba parte da vida cultural da entidade.
1941–1942: O coro reaparece durante un curto período, tras a interrupción provocada pola Guerra Civil, pero desaparece de novo pouco despois.
1991: Prodúcese a refundación definitiva coa creación da Coral “Miudiño”, que se mantén activa desde entón. Chegou a contar con arredor de 40 membros e converteuse nun dos grupos culturais e sociais máis importantes da Casa, con actuacións tanto internas (Letras Galegas, Nadal, Santiago, San Xoán, Magosto, Festa da Terceira Idade…) como externas (parroquias, residencias e actos culturais).







Terra Nai e a música como elemento integrador
Sempre houbo gaiteiros na Casa de Galicia e xente que bailaba muiñeiras, pero non é ata os anos 60 cando se organiza un verdadeiro elenco de gaitas e danzas.
En 1976 adquire corpo e consistencia o actual grupo de Gaitas e Danzas “Terra Nai”.
A música, sen dúbida, foi o elemento máis aglutinador e integrador da asociación; tivo un papel relevante, atraendo rapaces novos, pais, familias, etc. Neste campo, salientar o Grupo de Pandeiretas e Gaitas, polo que pasaron varias xeracións e décadas de servizo.
Destacar a labor de moitos, pero de xeito especial a do profesor de gaita —Xan Carlos Rilo—, criado desde neno na sociedade e hoxe un profesional destacado en Galicia. A agrupación tiña boa canteira, xa que había grupo infantil e xuvenil participando nas aulas ducias de nenos e nenas. A Casa de Galicia sentíase especialmente orgullosa deles. As actuacións eran frecuentes: festas galegas, centros galegos doutras cidades, televisións (TVG, ETB), eventos institucionais. Tamén se organizaban certames de gaita propios e participaban noutros, nos que recibiron algún premio. E chegaron a estar contratados por unha empresa gastronómica, polo que viaxaron a moitas cidades. E lembran con agarimo acompañar a Carlos Núñez nun concerto que deu en Bilbao, ou acompañar aos membros da asociación nas súas excursións a Marsella, etc.
















Grupo de corda “Pascual Veiga” e acordeón
En 1982 créase o Grupo de Corda “Pascual Veiga”, que anos despois desaparece.
A Casa de Galicia de Bilbao tamén contou cun grupo de corda chamado Pascual Veiga, en honor ao compositor galego autor da música do himno galego cun texto de Eduardo Pondal. Integrada principalmente por rapaces e rapazas que aprendían guitarra, bandurria, etc. nos cursos da entidade. Con constante renovación xeracional, o grupo mantiña unha actividade continua, ofrecendo actuacións en celebracións como as Letras Galegas, festivais internos e eventos culturais da Casa. A súa existencia amosa a aposta da institución pola formación musical da mocidade e pola continuidade dunha tradición instrumental galega adaptada á vida comunitaria en Bilbao.
Tamén se contaba cun grupo de acordeón, do que varias mozas e mozos formaban parte. As actuacións facíanse no salón da Casa de Galicia.


Teatro: “O Palleiro”
O Grupo de Teatro “O Palleiro” foi a compañía teatral propia da Casa de Galicia de Bilbao, formada por socios e socias afeccionados ás artes escénicas. Durante anos representou obras de comedia, teatro costumista galego e pequenas pezas humorísticas nas festas e celebracións da entidade, converténdose nun elemento moi querido da programación cultural. O grupo tivo etapas de grande actividade, con ensaios regulares e funcións no escenario da Casa, até que nun período posterior entrou en pausa. A súa existencia demostra a vitalidade creativa da comunidade galega en Bilbao e o compromiso dos socios por manter viva a tradición teatral galega fóra da terra.




Irmandade de Centros Galegos de Euskadi (1985)
A Irmandade de Centros Galegos de Euskadi foi creada en 1985 por iniciativa persoal de Pepe Casal, presidente da Casa de Galicia de Bilbao por 15 anos, quen se inspirou nas federacións galegas existentes na Arxentina. Convencido de que Euskadi tamén podía artellar unha estrutura común, percorreu —xunto con dous membros da directiva da Casa de Galicia de Bilbao— todos os centros galegos do País Vasco, onde sempre foron recibidos “cordial e fraternalmente”. Daquela xira nacería unha entidade que chegaría a converterse nunha das institucións máis relevantes e prestixiosas do mundo da galeguidade na diáspora.

Como dato histórico, o primeiro Día de Galicia en Euskadi, celebrouse o 11 de maio de 1986 na Feira de Mostras de Bilbao (subvencionado polo Goberno Vascoi). Este foi o primeiro acto oficial e multitudinario da Irmandade, no cal se reuniron todas as socias e socios das Casas de Galicia do País Vasco, foi unha iniciativa con gran aceptación. En 2025, celebrouse o día de Galicia en Euskadi número 36º, acto que organiza cada ano un centro galego diferente.


















A Irmandade celebrou o seu 40 aniversario en 2025, nun fermoso acto no Auditorio de Eibar, onde foron galardonados as cinco persoas que pasaron pola presidencia nestes 40 anos, os representantes dos centros galegos en Euskadi e rematou cun emotivo espectáculo chamado Miña Nai.






Oferta formativa e cursos
OFERTA FORMATIVA. No novo local había formación totalmente gratuíta para socios e fillos menores de 18 anos. As súas aulas estaban cheas cada tarde, converténdose nun dos piares da vida cultural e social da entidade. Os cursos abranguían música tradicional, artes escénicas, deporte, habilidades manuais, cultura galega e mesmo aprendizaxes útiles para a integración en Euskadi. Esta diversidade permitía formar novas xeracións, crear grupos culturais propios e ofrecer un espazo educativo accesíbel, interxeracional e vivo.
CURSOS que se impartían: Acordeón, Aerobic, Axedrez, Ballet, Coro, Costura, Danza, Éuscaro, Gaita, Guitarra, Percusión, Rondalla, Solfeo, Taekwondo, Corte e confección, actividades artísticas e culturais diversas.










Conferencias
CONFERENCIAS: tiñan un local moi ben preparado e podían organizar conferencias e charlas culturais ao longo do ano, impartidas por profesorado universitario, especialistas e persoas destacadas da comunidade galega. Estes encontros ofrecían formación, reflexión e divulgación sobre historia, lingua, música ou actualidade, enriquecendo a vida cultural da entidade e promovendo o intercambio de ideas entre socios de todas as idades.

Exposicións
EXPOSICIÓNS: acollía regularmente exposicións artísticas e culturais, nas que se mostraban fotografías antigas, pintura, artesanía, traxes tradicionais e traballos realizados polos propios socios. Estas mostras convertían os espazos da entidade nun pequeno centro cultural, ofrecendo visibilidade ao talento local e reforzando a memoria colectiva da comunidade galega en Bilbao.




Club Deportivo Casa Galicia e fútbol
O 26 de setembro de 1988, fúndase como equipo federado o Club Deportivo Casa de Galicia, que se mantivo nas categorías rexionais biscaínas.
O equipo de fútbol da Casa de Galicia de Bilbao, creado oficialmente en 1988, pasou en poucos anos de disputar partidos amistosos a converterse nun dos conxuntos máis competitivos do fútbol afeccionado vizcaíno. Coñecido como Club Deportivo Casa Galicia, destacou por unha traxectoria meteórica: acadou o ascenso a Rexional, loitou polo salto a Preferente e protagonizou unha tempada histórica na que gañou simultaneamente a Liga e a Copa, un fito que lle valeu o alcume de “supercampión”. O equipo, apoiado pola colonia galega en Bilbao e mesmo por institucións deportivas como o Athletic, converteuse nun símbolo de orgullo comunitario e nun motor de participación xuvenil dentro da Casa.
O equipo da Casa de Galicia, que acadou unha excelente clasificación na tempada 1990, estivo formado polos xogadores Sebas, Víctor, Alberto, Oña, Goyo, Juanjo, Juan Ruiz, Salcedo, Tomás, Miguel, Pablo Ruiz, Juan Seoane, Cholo, Pablo Morán, Eusebio, Aitor, Ibon e Lasanta, aos que se incorporaron na tempada 1990-1991 como fichaxes Carlos, Andrés, Roberto, Gallego, Javi, Miguel, Kike e Asier; o conxunto estivo dirixido polo adestrador Félix Landeira e contou coa colaboración do masaxista Edorta, baixo a responsabilidade dunha directiva encabezada polo presidente José Domingo Aspilche Cortón, co vicepresidente Julio Ben Pazos, o secretario Manuel López Vázquez e o tesoureiro José Manuel Penas Focinos, xunto cos vogais Félix Otero Bahamonde, Florentino Peón Gamallo, José Pousadas Pérez, Abelardo Rodríguez Pérez, Manuel Rodríguez Pérez, Julio López Vázquez, José Pérez González, Guillermo Perdiz Feijoo e Adriano González Alonso.













Escola de taekwondo
Escola de taekwondo. Foi unha das disciplinas deportivas con máis éxito na Casa de Galicia de Bilbao, converténdose nunha actividade inclusiva e moi valorada polos socios. Impartido por Encarna Quintela, muller polifacética, cinturón negro e adestradora de gran prestixio, o curso reunía máis de 50 alumnos de idades moi diversas, desde nenos pequenos ata adultos de cincuenta anos. A participación equilibrada entre homes e mulleres e os catro días semanais de adestramento mostraban o seu forte compromiso deportivo. Grazas ao seu nivel técnico, o grupo obtivo mencións especiais en competicións provinciais, destacando especialmente no concurso de Leioa, e consolidouse como un referente da actividade física e da vida xuvenil dentro da Casa.

Excursións e convivencia social
EXCURSIÓNS: foi unha das actividades máis queridas polos socios da Casa de Galicia. Actividades capaces de encher autobuses enteiros e crear un ambiente de convivencia único. Ao longo do ano organizábanse viaxes a destinos moi variados, como a Feira de abril de Sevilla, Miranda de Ebro, Valladolid, O Grove, Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Asturias, Cantabria ou Burgos, ademais de saídas máis curtas por Bizkaia para visitar santuarios, paraxes naturais ou participar en festas populares. Estas xornadas combinaban cultura, gastronomía e amizade, converténdose nun símbolo da vida social da entidade, onde se compartían risas, música e o orgullo de levar a alegría galega alí onde fosen.
Cabe destacar unha viaxe que se fixo a Marsella, cinco autobuses de socios nos que tamén ía o grupo Terra Nai para actuar alí. Foi unha especie de irmandamento entre casas de Galicia, xa que o presidente de Bilbao e o de Marsella eran da mesma vila, As Pontes, e coincidiron nun encontro de centros galegos, organizando esta excursión memorable.



ACAMPADAS XUVENÍS:
Durante anos contaron cunha participación masiva, especialmente grazas aos campamentos subvencionados pola Xunta de Galicia, aos que acudían cada verán grupos numerosos de rapaces. Os destinos máis destacados foron a Illa de Ons, A Pobra do Son e o programa Lugo Itinerante, que ofrecían natureza, convivencia e actividades culturais. A estas iniciativas sumábanse tamén as vacacións sociais para persoas maiores en Panxón, que lles permitían gozar duns días de descanso e convivencia á beira do mar. Estas campañas convertéronse nun dos piares máis importantes da vida social e interxeracional da Casa de Galicia de Bilbao.
CONSULTA MÉDICA:
No local da asociación chegou a funcionar unha consulta médica que ofrecía apoio sanitario básico e de proximidade ás persoas socias. O médico da entidade, Xosé Carlos Braña Tobío, xefe de grandes queimados no Hospital de Cruces e vicepresidente da Casa de Galicia de Bilbao, realizaba arredor de 105 consultas ao ano, atendía 27 novos pacientes, efectuaba 51 controis de tensión, xestionaba urxencias e mesmo levaba a cabo pequenas intervencións. Este servizo, moi apreciado polos socios e socias, reforzaba o carácter comunitario da Casa e contribuía de maneira directa ao seu benestar diario.
SERVIZO DE ASESORAMENTO LEGAL:
A Casa contou tamén cun servizo de asesoramento legal, atendido pola avogada Guadalupe Dospazos, fiscal en Barakaldo e filla dun expresidente da entidade, pertencentes ambos a unha familia historicamente moi implicada e activa na vida da Casa de Galicia de Bilbao. Este servizo realizaba arredor de 64 consultas ao ano e permitía ás persoas socias resolver dúbidas xurídicas, xestionar trámites e recibir orientación profesional de forma accesible e próxima, reforzando así o carácter solidario e comunitario da entidade.
CUARTA ETAPA DE MENOR ACTIVIDADE (2010–2024)
Entre 2010 e 2024, a Casa de Galicia de Bilbao atravesou un período de escasa actividade cultural e social. Con todo, unha tradición mantivo viva a entidade e o vínculo da colectividade galega coa súa Casa: o baile dos sábados con música en directo, que se converteu durante anos no principal espazo de encontro, convivencia e continuidade interxeracional.
QUINTA ETAPA. Reactivación e nova etapa (2025)
En 2025 constitúese unha nova xunta directiva coa finalidade de reactivar a Casa de Galicia de Bilbao, reforzar a súa programación cultural e social e evitar que a entidade desapareza. Con ilusión e compromiso, iníciase así unha nova etapa de impulso e renovación, orientada a recuperar a vitalidade asociativa e a consolidar de novo a Casa como referencia da galeguidade en Bilbao.
Nova Xunta Directiva da Casa de Galicia de Bilbao (2025)
Presidente: José Ignacio Alonso Santos
Vicepresidente: Ibon Loroño Salgado
Secretario: Óscar Gordiño García
Vicesecretario: Juan Carlos Rey Sánchez
Tesoureiro: José Antonio Rodríguez Valado
Vicetesoureira: Inmaculada Ferreiro Varela
Delegado de Folclore: Manuel Veiga Mera
Vocais:
– Juan Carlos Segade López
– Eneko Dadin Fernández
– Julio Fernández Ollero
– Mª Isabel Varela Taboada
Colaboradora externa: Lorena Meis Naveiro
O Centenario (1926–2026)
Grazas a este proceso de reactivación e ao esforzo colectivo, en 2026 a Casa de Galicia de Bilbao celebrará o seu Centenario (1926–2026), unha conmemoración que simboliza cen anos de historia, identidade e irmandade galega lonxe da terra, e que suporá un fito para a entidade e para toda a comunidade galega en Euskadi.
PRESIDENTES
Esta traxectoria colectiva non sería posible sen o compromiso, a entrega e a responsabilidade das persoas que, ao longo dos anos, asumiron a presidencia e formaron parte dos órganos de goberno da Casa de Galicia de Bilbao. O seu labor, desenvolvido en contextos e momentos moi diversos, foi clave para manter viva a entidade, fortalecer os lazos coa terra de orixe e proxectar a cultura galega na vida social e cultural de Bilbao. Como mostra de recoñecemento e gratitude, recóllense a continuación os nomes de quen encabezaron e sostiveron esta historia compartida.
- D. Cesáreo Rey Baltar
- D. Xosé Cernadas
- D. Agapito Landa Uribe
- D. Leopoldo Bado
- D. Manuel Fontán
- D. Manuel Lafuente
- D. Xosé Domínguez
- D. Xosé Domínguez de León
- D. Xoán Conde Conde
- D. Fermín Fernández Íñiguez
- D. Antón Novo Vázquez
- D. Esteban Novo Taboada
- D. Xosé Ron Vilas
- D. Manuel Álvarez Vázquez
- D. Anxo Silvero Álvarez
- D. Manuel Sánchez Barbeito
- D. Demetrio Santos Cañedo
- D. Fermín García Rodríguez
- D. Lois Ferreirós Espiño
- D. Manuel Bufón Mejías
- D. Miguel Muñoz Fernández
- D. Xosé Lois Domínguez Queiruga
- D. Antón Otero Ramos
- D. Xosé Manuel Casal Barbeyto
- D. Manuel Barreiro Ferreira
- Jose Antonio Blanco Blanco
- José Antonio Rodríguez Valado
- Iñaki Alonso Santos



























